20 ANOS DO PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL

O Premio de Poesía Concello de Carral cumpre neste 2017 os seus primeiros 20 anos de vida. O certame creouse no 1997 ao tempo que entraba en funcionamento a primeira biblioteca pública municipal na Casa da Cultura, como unha actividade que contribuíra a dinamizar as novas dependencias culturais.

A iniciativa de poñer en marcha un concurso literario foi do concelleiro de Cultura Lois Anxo Ferreiro, sendo alcalde Juan Manuel Vales. Desde entón foron responsabilizándose do premio as concelleiras Mª José García, Isabel López e Margarita Ramilo, sendo alcalde José Luis Fernández Mouriño. Durante a existencia do premio a dirección do certame correu a cargo de Carlos Lorenzo Pérez, técnico municipal de Cultura.

Os obxectivos do premio fundamentalmente son tres:

  • Contribuír á descuberta de novos valores da poesía galega, ou consolidar aqueles que xa contaban con obra publicada.
  • Facilitar a publicación de novas obras de poesía en lingua galega, contribuíndo así a enriquecer a paisaxe literaria de Galicia.
  • Fomentar a lectura de poesía, tanto na poboación de Carral coma na do resto da comunidade.

Desde a primeira edición do premio cóntase coa colaboración de Edicións Espiral Maior, dirixida por Miguel Anxo Fernán Vello, que se encarga de publicar as obras gañadoras na súa colección de poesía, considerada como a máis importante da poesía galega contemporánea. Tanto Fernán Vello como Xulio Lóez Valcárcel foron os dous poetas que colaboraron na postan en marcha do concurso e os que colaboraron na súa consolidación e mellora.

Algúns dos cambios que ten sofrido o certame teñen que ver coa contía económica do premio, que se iniciou con 50.000 pesetas (aproximadamente 300 euros) e con poemarios cunha extensión mínima de 100 versos. Nas últimas edicións o premio está dotado con 2.500 euros, presentando poemarios cun mínimo de 500 versos.

En cada edición ofréceselle ás persoas asociadas ás bibliotecas municipais, a posibilidade de dispoñer de balde dun exemplar do último poemario publicado. Para esta acción, que se realiza desde o nacemento do certame, cóntase nos últimos anos coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

O certame Concello de Carral ten servido para algúns e algunhas poetas para a confirmación dunha calidade literaria que xa os facían merecentes de formar parte do panorama poético de Galicia. Foron os casos, entre outros, de Lucía Novas, Baldo Ramos, Eli Ríos ou Oriana Méndez. Outros premiados e premiadas acudiron a Carral a consolidar unha rica traxectoria. Son os casos, por exemplo, de Isidro Novo, Miro Villar, Modesto Fraga ou Eva Veiga. Esta última, co seu poemario gañador Soño e vértice, conseguiu o Premio da Crítica de 2016.

Os gañadores e gañadoras ata o 2017 foron:

Como actividades paralelas que se teñen vencellado ao premio Concello de Carral, se realizaron obradoiros de poesía, tanto para adultos como para escolares; exposicións e a creación dun club de poesía. Nos últimos anos o certame ten empregado medios audiovisuais para difundir as súas convocatorias, así como para conmemorar os seus 20 anos coa realización dun documental. A continuación preséntanse todas as pezas audiovisuais publicadas, incluído o documental:

Para conmemorar os 20 anos do premio, realizouse unha exposición que repasa os autores e libros premiados. Pode ollarse no seguinte enlace: Exposición 20 anos de Poesía Concello de Carral.

Esta entrada foi publicada en Bibliotecas, Certame, Letras Galegas, Lingua, Literatura, Poesía, Sen clasificar e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.